Concello de Santiago Compostela Viva

   Novas

Máis novas
Compostela exerce de anfitrioa desta primeira reunión
08/04/2010 Esta mañá constituíse en Santiago o Comité Directivo do Proxecto Parques Urbanos Atlánticos-ParkAtlantic, proxecto no que ademais de Compostela participan as cidades do Porto, Angers, Limerick e Pau.
Auga
Compostela Viva > Auga > Memoria da auga

Memoria da auga

«Entre o Sar e o Sarela está Compostela». Como ben nos lembra o dito popular, as orixes da cidade botan as súas raíces na auga. Conscientes da importancia da auga como asento da Compostela, autoridades e veciñanza buscaron desde sempre garantir un abastecemento estábel e suficiente.

Esta foi unha das principais preocupacións dos bispos Sisnando e Xelmírez que tentaron asegurar, na nacente Compostela, auga de abondo para o consumo das súas xentes e tamén dos peregrinos que cada día chegaban en maior número. E foi tamén a teima das autoridades dos barrios que promoveron a construción de fontes e lavadoiros nos lugares tradicionais de convivencia e coa ampliación do vello burgo medieval nas novas rúas de extramuros como a Carreira do Conde, o Campo do Forno ou os barrios da contorna como Vista Alegre.

Co medre da cidade e multiplicáronse as súas fontes e as canles. No século XVIII a cidade mudou a súa faciana con construción de numerosos edificios e, parellamente, foise renovando a rede de subministro de auga. A primeira traída moderna, realizada en 1922, trouxo comodidade de abastecemento xa que achegou en mellores condicións a auga ás casas pero, sobre todo, permitiu un caudal dabondo para soster a poboación e os negocios dunha cidade que buscaba recuperar a súa capitalidade. A electricidade fixo posíbel ademais o bombeo desde lonxe e subir a auga até os barrios altos como o da Almáciga.

O meteórico desenvolvemento de Compostela nos anos 60 e 70 do pasado século supuxo un importante desafío ao aumentar rapidamente a poboación e ao medrar en altura os edificios da cidade. A rede foi novamente reestruturada e ampliada, o depósito das Cancelas asegurou presión e caudal aos novos barrios e aos novos usos, fornecendo auga da billa abondosa, cun subministro continuado e de calidade tras a súa potabilización.

A fonte da praza do Toural nunha postal de comezos do século XX

Máis información

Descargue o folleto A auga na historia da cidade (pdf, 2,47 Mb) onde se achega información e se cartografían dez lugares de interese histórico relacionados co abastecemento de auga de Compostela.


Descargue o despregábel Fontes con historia (pdf 1,8 Mb) para coñecer en detalle algunha das fontes máis singulares de Santiago.

 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal