Concello de Santiago Compostela Viva

   Novas

Máis novas
Elvira Cienfuegos presenta o proxecto
12/04/2010 Como un “espazo sociocultural polivalente”, así definiu Elvira Cienfuegos, concelleira do Medio Ambiente de Santiago, a cuberta que o Concello vai instalar no parque de Galeras. A edil nacionalista presentou esta mañá o proxecto aos medios de comunicación acompañada de Cristina Ouzande e Cristina Ezcurra, as dúas arquitectas encargadas de elaborar o proxecto arquitectónico.
Auga
Compostela Viva > Auga > Xestión da auga

Xestión da auga

A xestión do ciclo urbano da auga en Compostela fai uso das máis innovadoras tecnoloxías para prestar o mellor servizo e responder ás crecentes esixencias de calidade, sustentabilidade e respecto ao medio ambiente.

Captación
O sistema de abastecemento de auga en Santiago de Compostela aliméntase principalmente da auga recollida do río Tambre e dos mananciais de Brins e Chopo. Na fase de captación recóllese a auga do río mediante unhas bombas somerxidas; unhas rellas impiden o paso de follas, ramas e outros sólidos de gran tamaño.

Potabilización
A auga é tratada na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Chaián con técnicas cada vez máis sofisticadas e cos máis esixentes controis para acadar a súa potabilización. A ETAP de Chaián ten unha capacidade de tratamento de 900l/s.

Na ETAP a auga é sometida a un proceso de remineralización, no que recibe elementos químicos beneficiosos para a saúde e engádense produtos que axudan ao seguinte proceso que se coñece como coagulación, e axuda a eliminar as pequenas partículas en suspensión que lle dan á auga un aspecto turbio. A continuación, a auga pasa a uns recipientes chamados decantadores onde permanece "case parada". Estas partículas collen volume e tenden a irse para o fondo, separándose deste xeito da auga; é a decantación. Despois destes procesos aínda quedan sólidos que non conseguiron decantar, polo que a auga pasa por un proceso de filtración por area do que xa sae practicamente limpa. Por último, para facela totalmente potábel, é necesario eliminar todos os microorganismos que poden ser nocivos para a saúde. Para isto trátase con cloro ou ozono, na etapa que recibe o nome de desinfección. A auga xa está preparada para o consumo, e pasa a ser almacenada en depósitos para a súa distribución.

Transporte e almacenamento
Unha vez potabilizada a auga, almacénase en grandes depósitos reguladores para garantir un subministro continuado.

Distribución
A auga almacenada faise chegar aos usuarios por unha extensa rede de distribución que ten unha lonxitude duns 500 quilómetros. A calidade da auga que se achega está garantida por numerosos controis e contínuas análisis nos laboratorios certificados de Aquagest.

Consumo
É o momento no que auga se converte nun ben de uso con fins domésticos, recreativos, agrícolas ou industriais, en ocasións durante tan só uns segundos, desde que sae pola billa até que desaparece polo desaugue.

Rede de saneamento
Unha vez utilizada, a auga residual é recollida pola rede de sumidoiros que a conduce á estación depuradora. Santiago de Compostela conta cunha rede de sumidoiros de 500 quilómetros de lonxitude.

Depuración
A depuración consiste na eliminación da contaminación acumulada durante a utilización da auga. O proceso de depuración realízase, maioritariamente, na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Silvouta, que depura anualmente 18,7 millóns de metros cúbicos que despois son vertidos ao río Sar. A depuradora non só recibe augas procedentes do consumo doméstico senón que tamén trata parte das pluviais e as industriais.

No proceso de depuración garántese a máxima eficiencia e asegúrase que a auga, que é devolta ao río, cumpre os parámetros máis estritos de calide ambiental.

A depuración da auga comeza cun proceso de desbaste onde os sólidos quedan retidos en dúas rellas de diferente tamaño. A continuación elimínanse as areas e as graxas, as primeiras mediante a aplicación de aire e as graxas extraéndoas da superficie cunha rapeta, xa que flotan pola diferenza de densidade. O seguinte paso, a decantación, consiste en enviar a auga aos decantadores onde a auga flúe moi lentamente e as partículas de maior peso caen ao fondo. Aquí fórmanse os lodos que serán tratados noutra liña. A continuación condúcese a auga ao reactor biolóxico onde, en presenza de osíxeno, diferentes microorganismos "aliméntanse" da materia orgánica e convértena en inerte. Repítese de novo o proceso de decantación no que a auga permanece estancada en depósitos para que as partículas de maior peso caian ao fondo, formándose novos lodos que se tratan a parte. A auga que se obtén deste proceso xa está preparada para verter ao río.

Os lodos, pola súa parte, sométense a un tratamento no que se lles retira a auga, se estabilizan quimicamente e se prensan. Son empregados como fertilizantes para a agricultura, aínda que de xeito controlado para evitar contaminar a terra.

Restitución ao medio natural
A totalidade da auga depurada é enviada ao río Sar.

A Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Chaián ten unha capacidade de tratamento de 900 litros por segundo.

Máis información

En Fogares verdes. Caderno da auga e da enerxía pode atopar máis información sobre o ciclo da auga, o seu consumo e medidas de aforro e para evitar a súa contaminanción. Descargar (pdf, 1.253 Kb).

Tamén pode descargar as infografías sobre o funcionamento da Estación Tratamento de Auga Potábel (pdf, 22 Kb), a rede de abastecemento (pdf, 215 Kb) e de saneamento (pdf, 93 Kb), e a Estación Depuradora de Augas Residuais (pdf, 351 Kb).

 

 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal