Concello de Santiago Compostela Viva

   Novas

Máis novas
Medio Ambiente e Cidade Histórica
31/05/2010 Esta mañá a concelleira do Medio Ambiente, a nacionalista Elvira Cienfuegos, xunto á concelleira da Cidade Histórica, a tamén nacionalista, Olga Pedreira, presentaron a segunda edición do Concurso de Balcóns da Cidade Histórica de Santiago 'Flores na Cidade'.
Concellaría
Compostela Viva > Concellaría > Criterios de actuación

Criterios de actuación

As actuacións da Concellaría perseguen protexer, recuperar, mellorar e poñer en valor o medio, a través de políticas activas, participadas pola cidadanía e de carácter transversal.

Promovemos a educación ambiental no conxunto da poboación. O uso responsábel da auga, o aforro e a eficiencia enerxética, a diminución da contaminación, a prevención dos incendios forestais ou a importancia da biodiversidade son algúns dos aspectos que se desenvolven.

Potenciamos a conservación e posta en valor dos ríos, incidindo na mellora da calidade das súas augas e na restauración dos seus leitos e bosques de ribeira. Estanse a conformar paseos de bordo, complementándoos coa recuperación de patrimonio construído, paneis informativos e áreas de lecer. O obxectivo é mellorar a relación cos ríos e recuperar a súa condición de arterias de vida e fonte de recursos.

A ampliación e mellora das redes de abastecemento e saneamento é un dos obxectivos prioritarios, para o que se procura a implicación doutras Administracións, particularmente nas grandes actuacións necesarias para un Concello amplo en superficie e cunha poboación rural dispersa, que, cabo da urbana aproxímase  aos 100.000 habitantes de dereito.

Apostamos porque o monte cumpra funcións produtivas, recreativas e ecolóxicas e apoiamos a súa repoboación con especies autóctonas.  Colaboramos cos axentes sociais e coa administración autonómica na prevención dos incendios forestais. Conservamos e melloramos as masas forestais de propiedade pública.

Os parques abeiran unha gran variedade de flora procedente de diversas partes do mundo. Moitos deles están conectados con espazos naturais: bosquetes de ribeira ou áreas forestais. Apostamos por favorecer estas conexións, estabelecendo zonas de transición que propicien o desenvolvemento de especies silvestres e contribúan a aumentar a biodiversidade.

Entendemos que o medre da cidade ten que ir no camiño da construción dunha cidade compacta, con servizos de proximidade e espazos verdes de calidade, espazos promotores de saúde, de benestar físico, mental e social, con variedade de recursos. E así,  no Parque de Belvís creouse unha trama urbana de hortos para o seu cultivo por parte da cidadanía, unha actuación, que, a vista da súa acollida,  non se descarta a súa extensión a outros parques urbanos.

Procuramos  o incremento de equipamentos e servizos nos parques e xardíns de Santiago. Incorpóranse aseos,  áreas para o xogo infantíl, elementos para o exercicio físico,...

Editamos materiais de divulgación para mellor coñecer os parques e os espazos naturais, e avanzamos na ampliación e a promoción da utilización das sendas peonís e ciclábeis dos parques de Compostela.

Traballamos na habilitación dunha Vía Verde, para camiñar desde a Sionlla até Oroso e Ordes, en colaboración con estes dous Concellos veciños.

Procuramos boas prácticas ambientais e no ano 2008 conseguimos a certificación EMAS para o Departamento de Parques e Xardíns.

Temos retomada, revisada e activada a execución do plano de acción da Axenda 21 Local, un compromiso expreso de traballar pola sustentabilidade local e desde ela contribuír a sustentabilidade global. Participamos en distintas redes de Galicia e do Estado que se ocupan da mellora ambiental.

O Consello Municipal de Medio Ambiente é o órgano centralizador da participación social, que se impulsa  a través de distintas vías de implicación e diálogo.

Estáse a potenciar a conservación e valorización dos ríos da cidade, incidindo na mellora da calidade das augas e na restauración dos leitos e bosques de ribeira.
 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal