
Benvidas e benvidos a este espazo de Medio Ambiente de Santiago na rede.
Compostela ocupa o primeiro lugar en Galiza e está a cabeza do Estado en zonas verdes por habitante, o que se traduce nunha alta calidade ambiental e calidade de vida para toda a veciñanza e nun atractivo para as persoas que nos visitan.
Desde a Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel sentímonos satisfeitos por esta realidade, e tentamos poñela en valor e continuar avanzando na protección e acondicionamento de novas áreas, como a do Monte de Deus, na que se conformou un miradoiro sobre a cidade e unha área de lecer para a veciñanza.
Somos conscientes, por outra parte, da existencia de problema ambientais, e preocúpannos especialmente os relativos á xestión da auga. Para avanzar na súa solución estanse facendo investimentos millonarios para a mellora e ampliación das redes de abastecemento e saneamento e na construción de novas estacións depuradoras, para o que foi necesario conseguir a implicación doutras administracións.
Santiago é pródigo en ríos e regatos e desde a perspectiva de que os ríos son arterias de vida, puxéronse en marcha unha manchea de proxectos para a mellora da calidade das súas augas e para a protección e posta en valor das súas ribeiras. Coa responsabilidade do BNG na área de medio ambiente, 1999-2003, iniciouse a recuperación para a cidadanía dun treito do río Sarela. Neste mandato, 2007-2011, recuperouse outro tramo e ampliouse a accesibilidade ao río na maior parte do seu percorrido, ao tempo que se traballa na difusión dos seus valores e nos doutros ríos, como o Tambre, incluído na Rede Natura, unha rede europea de espazos naturais que cómpre preservar pola súa representatividade en hábitats e especies.
A divulgación, a educación ambiental, a promoción de actitudes e comportamentos sustentábeis son obxectivos irrenunciábeis para a construción do concello que queremos. Un concello que aposte pola eficiencia no uso dos recursos, pola protección da biodiversidade, pola diminución da contaminación, pola diversificación económica e pola equidade social. Un concello participativo e socialmente cohesionado, con servizos próximos e de proximidade, con calidade de vida para todos e todas.
Desde a Concellaría de Medio Ambiente queremos contribuír a facer de Santiago, capital de Galiza, un referente en sustentabilidade. Queremos unha Compostela símbolo dun país que, desde a equidade social, aspira a mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e a asegurar un futuro de seu. Queremos un concello equilibrado social e territorialmente que avance con paso firme cara un desenvolvemento sustentábel.
Este é o meu compromiso e nel poñerei todo o meu empeño

Elvira Cienfuegos López
Concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel

Veciña do barrio das Fontiñas e Licenciada en Bioloxía e Farmacia. Profesionalmente é profesora e catedrática de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Xelmírez II en Santiago.
Foi concelleira de Educación Ambiental e Desenvolvemento Sustentábel desde febreiro do 2003 ata as eleccións de maio dese mesmo ano e no pasado mandato 2003-2007 foi Concelleira delegada de Educación, Mocidade, Sanidade e Consumo.
Foi responsábel de ADEGA (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza) en Compostela e secretaria xeral durante dous anos. Formou parte do consello de redacción da revista Cerna tendo publicado material arredor da didáctica e do ecoloxismo.