Concello de Santiago Compostela Viva

   Novas

Máis novas
Marco estratéxico en materia fluvial
15/10/2009 Elvira Cienfuegos presentou hoxe un estudo inicial para a redacción do Plan Director dos ríos de Compostela; na presentación estivo acompañada polo biólogo Asier Rodríguez Larrinaga e o xeógrafo Javier Asorey, membros da equipa investigadora. A Consellaría de Traballo, a través programa operativo europeo Adaptabilidade e emprego, financia esta iniciativa.
Espazos vivos
Compostela Viva > Espazos vivos > Espazos Naturais

Espazos naturais

Río Sar

O río Sar, que nace nos altos de Meixonfrío, forma un val en dirección norleste-suroeste; atravesa as Brañas de Sar e o parque Eugenio Granell, e despois de recibir as augas do río Sarela, beirea o parque de Brandía e, antes de se internar en terras do concello de Ames, recibe as augas do río de Roxos que baixa encaixado dos altos da Viorneira.

Principal receptor das augas usadas na cidade, está en construcción nas súas beiras unha rede de interceptores que o liberen de vertidos e en proxecto unha nova estación depuradora de augas residuais con capacidade para tratar a totalidade das que chegan a actual depuradora da Silvouta. Entre tanto, unha visita ao río Sar é recomendable polo parque de Brandía: un paseo entre plátanos e camelias, a media ladeira, leva á Casa de Brandía, e sobrepasada, o río é en parte desviado á canle que surtía de auga a antiga papeleira; o camiño discorre entre ambos cauces, conservando o do río unha interesante vexetación ribeireña.

Río Sarela

O río Sarela (uns 10 km de longo, caudal medio de 500 l/s) que acompaña polo oeste a cidade de Compostela, cumpriu un papel fundamental no desenvolvemento humano da zona ao prover de auga para uso agrario, doméstico (bebida, limpeza...) ou industrial: ademais dos muíños, foron moitas as fábricas de coiro que traballaron ao abeiro das súas augas; e tamén abasteceu de pesca e serviu para os xogos e o baño, cumprindo tamén unha función recreativa. Foi, así mesmo, un río que sufriu moitas modificacións; desde as desviacións da súa auga para levala aos muíños e a ocupación das beiras do canal con muros, estradas e outras estruturas, até agresións máis recentes como a deforestación ou os vertidos.

Non obstante, desde hai uns anos iniciouse un proceso de recuperación que inclúe labores periódicos de limpeza do leito, eliminación de vertidos,  acondicionamento das beiras, restauración de elementos patrimoniais, habilitación dun paseo fluvial... O río conserva valores ambientais e patrimoniais que cómpre coñecer e valorar; cargado coa memoria do pasado recente, o río segue vivo e cambiante,  ofertando espazos e especies novas con cada crecida e con cada estación. Achegarse ao río e percorrer as súas beiras é ampliar coñecementos e é pracer, e é tamén  un medio para recoñecelo e valoralo como fonte de vida e de recursos. 

Río Tambre

O río Tambre no tramo medio da súa bacía, que coincide co seu paso polo termo municipal de Santiago, conserva interesantes valores ambientais que o fixeron merecedor de ser incluído na Rede Narura 2000, unha rede europea de espazos naturais que deben ser preservados pola súa contribución á biodiversidade comunitaria, tanto de hábitats naturais como de especies de flora e fauna.

O tramo incluído na zona protexida, definido como Lugar de Interese Comunitario (LIC), discorre entre a confluencia do río Maruzo , en Frades e o río Sionlaa, xa en Compostela. Inclúe, ademais, outros afluentes como o Samo, o Lengüelle e varios pequenos tributarios destes.

Río de Aríns ou río de Santa Lucía

Quer por camiños tradicionais, quer polo paseo formado ao paso dun colector de augas residuais, as beiras do río son transitabeis na práctica totalidade do seu percorrido, no que ademais de cunha vizosa vexetación, conta tamén con illotes e muiños; a área recreativa de Santa Lucía, na Vía da Plata, é un atractivo engadido a este afluente do río Ulla.

Selva Negra

Nas abas do Monte Pedroso, e limitada por un muro de pedra, a Selva Negra, con case   22 hectáreas, foi recentemente adquirida polo Consorcio de Santiago para enriquecer o patrimonio da cidade. Lindante coa Granxa do Xesto, dunhas 10 hectáreas, a restauración da súa vexetación e dos seus elementos construídos darán como  resultado  un gran parque natural que, xunto a outro parque, máis de transición (a Granxa do Xesto), conformarán unha zona verde de mais de 330.000 metros cadrados

A Selva Negra constitúe unha zona natural de enorme potencial no camiño da recuperación dos bosques de frondosas autóctonas galegas, que contribuirá a enriquecer o patrimonio natural de Santiago. No momento da súa adquisición, o espazo caracterízabase pola existencia dunha carballeira, de exemplares de gran porte, que rodea unhas 2 hectáreas de prado en tránsito a mato; após da carballeira, unha masa de eucaliptos de alta densidade e unha poboación de acacias en avance,  que dificultaban a supervivencia dos novos carballos..

A eliminación das acacias e dos eucaliptos potenciará o desenvolvemento dos carballos e a eles engadiranse outras frondosas (bidueiros, cerdeiras, capudres, érbedos, faias, castiñeiros, nogueiras..) ao tempo que se respectan as especies arbustivas xa presentes (acivros, loureiros, sanguiños, pereiras, estripeiros....). En resumo, trátase de conservar os prados, sanear a carballeira e ampliar a súa extensión substituíndo os eucaliptos e acacias por carballos e outras frondosas.

Os traballos que se están acometendo abranguen a retirada dos eucaliptos e acacias e o tratamento das cepas para impedir o rebrote, a protección do solo para evitar a erosión mentres duran as intervencións, o tratamento selectivo do mato para potenciar as especies xa implantadas e, posteriormente, a implantación de novas frondosas, micorrizadas, co que se facilitará o crecemento dos exemplares plantados e tamén a futura presenza de setas. Posteriormente procederase a consolidación dos muros, fontes e camiños.

Despois do tratamento da vexetación, o resultado, unha valgada con dous prados na parte baixa rodeados dunha carballeira ampla que tamén terá outras especies autóctonas, aumentará enormemente o valor ecolóxico, o valor paisaxístico e o valor recreativo dun espazo que xa hoxe é de grande interes ( pola súa forma, pola súa vexetación e polas sorprendentes vistas sobre a cidade)

As Brañas de Sar

Limitadas pola vía do ferrocarril e a rúa da Estrada (a media ladeira do Outeiro de Sar), as Brañas de Sar, atravesadas polo río que lles da nome, abranguen unhas 33 hectáreas. Constitúen un sistema ambiental complexo, con áreas inundables e unha vexetación específica, condicionada polo tipo de solo e o réxime hídrico. Un espazo no contorno da cidade histórica e na base da Cidade da Cultura que recibe as augas do Sar, das escorrentías e de pequenos tributarios chamado a converterse nunha gran zona verde urbana conectada co contorno e ligada ao seu metabolismo.

Nestes momentos estase avanzando no seu planeamento para convertelas nun espazo público con funcións ambientais (conservativas dos seus valores naturais, que haberá que mellorar e protexer), con funcións produtivas e tamén  con funcións de carácter recreativo.

Máis información

Folleto río Tambre. Descargar (pdf, 6 Mb)

Folleto río Sarela. Descargar (pdf, 4 Mb)

 

 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal