
Volta do Castro (saída de Monte de Conxo)
Entre o Monte de Conxo e o río Sar atópanse estes humedais, que poderemos percorrer mediante un novo e fermoso paseo que vai por xunta deles e mediante o que poderemos achegarnos á súa vexetación característica, fermosa e abundante, caracterizada pola adaptación á cantidade de auga que anega o territorio, coma tamén é variada a poboación animal que a habita.
Área recreativa de Chaián (saída da Cabana de Pescadores)
A área recreativa esténdese a carón do río Tambre e alí celébrase a Festa do Escalo, no mes de xullo. Ten unha carballeira e hai, ademais, castiñeiros, bidueiros, salgueiros e freixos. É un bo lugar para o descubrimento de aves, especialmente pequenos paxaros insectívoros. Como na maioría dos ríos galegos, é moi abondosa a troita común, e aparecen tamén moitos escalos. En Chaián poderemos atoparnos tamén con diferentes mamíferos, anfibios e invertebrados.
A carballeira de Nemenzo (saída do Centro Sociocultural de Nemenzo)
Esta carballeira de 7.000 metros cadrados, á beira dunha estrada local e de superficie chá, é un sitio ideal para levar aos escolares máis novos: o seu perímetro está pechado con valos de madeira e non hai escaleiras nin obstáculos para eles. Alí traballaremos co carballo, o seu ecosistema e os usos que se lle foron dando ao longo do tempo.
Roteiro do río Corgo (saída do Pozo da Neve ou de Ponte Mantible)
Neste percorrido atravesaremos varios parques da cidade seguindo o percorrido do río Corgo, un dos afluentes do Sarela. Poderemos aprender moitas cousas sobre natureza, sociedade, historia e arquitectura grazas á mestura de elementos: o acueduto da antiga rede municipal de abastecemento de auga, parque de Vista Alegre e as casas coloniais, Asurbanípal e os reis asirios ou Pablo Iglesias e o movemento obreiro.
Roteiro do Sarela: Galeras – San Lourenzo (saída da Ponte de Asén)
Imos acompañar o leito no seu tramo máis urbano, pasando polo parque de Galeras e a finca do Espiño, polo Carme de Abaixo, o rueiro das Figueiriñas e as casas da ribeira de San Lourenzo. Isto permitiranos constatar a importancia histórica que na articulación do territorio tiveron as canles fluviais, arredor das que se construíron vivendas, pontes, regos, canais, muíños, lavadoiros e fábricas de curtidos.
Roteiro do Sarela: San Lourenzo – Ponte de San Domingos (saída da carballeira de San Lourenzo)
Neste tramo o río apenas está humanizado, polo que conserva en bo estado a súa vexetación de ribeira, coa súa flora e fauna características. O percorrido comeza no Camiño de Santiago a Fisterra, continuación cara á fin do mundo para os peregrinos que arrinca da Catedral e prosegue seguindo o río e bordeando o futuro Xardín Botánico, lugar que se converterá nun interesante lugar para estudar botánica.
Parque da Alameda (saída do Centro de Interpretación da Alameda)
É o parque máis antigo de Santiago xa que é, desde o século XIX, a principal zona de paseo e de lecer dos santiagueses. É un fiel reflexo da evolución histórica e urbanística da cidade, que foi medrando ao longo dos séculos xunto a ela. Ademais de conter diferentes zonas de paseo, que foron evolucionando segundo as demandas da sociedade de cada época, tamén se encontran na Alameda interesantes igrexas, esculturas, fontes, mobiliario urbano e edificios modernistas. E conta con parque infantil e máquinas de exercicio biosaudábel.
Parque da Almáciga – Recomendado especialmente a partir da ESO (saída da Rúa do Pino)
Formouse nos anos 1990 no monte da Almáciga, o outeiro máis alto do centro urbano, polo que ten unha boa vista panorámica da cidade. Conta cun pequeno estanque rodeado de vexetación propia de zonas húmidas e unha interesante variedade arbórea e arbustiva, composta tanto por especies autóctonas como por outras árbores exóticas. En 1469 tivo lugar neste outeiro unha decisiva batalla da Grande Guerra Irmandiña, dentro do movemento irmandiño do século XV. Tamén contén un dos principais depósitos de auga que sorten a cidade: o Depósito da Almáciga.
Parque de Belvís: Hortas e Labirinto (saída da Igrexa de San Pedro)
O parque ocupa a zona de hortas do convento de Belvís, que foi o primeiro convento de dominicas de Galiza ao ser fundado no 1313, e nos ilustra sobre a vida monacal na Idade Media e sobre a arquitectura barroca compostelá, estilo no que está construído o actual convento. Ten unha interesante variedade vexetal, cun labirinto de camelias e cunha zona de hortas municipais que serven para plantar diferentes cultivos seguindo as prácticas agrícolas ecolóxicas ou tradicionais. Ademais hai un horto experimental e un xardín con plantas aromáticas.
Parque de San Domingos de Bonaval (saída do Museo do Pobo Galego)
Foi deseñado por Álvaro Siza e contén unha escultura de Chillida. Está situado detrás do convento dominico de Bonaval, fundado en 1219, polo que dende o parque contémplase moi ben os elementos arquitectónicos do edificio, conxugando no parque o barroco compostelán e o arte contemporáneo. Este espazo mantén parte do seu arboredo orixinal e recuperáronse as hortas dos monxes, facendo un pequeno xardín xeométrico de plantas aromáticas. Adaptouse o antigo cemiterio e creouse un interesante sistema de augas.
Parque de Brandía (saída da Papeleira de Brandía)
Espazo á beira do río Sar, que contén unha interesante vexetación de ribeira, un precioso xardín xeométrico e unha gran variedade de árbores. O parque é testemuña do desenvolvemento industrial de Compostela no século XVIII, xa que nel atopamos mostras de algunhas das empresas máis punteiras do momento: unha fábrica de papel e unha curtiduría. Estes elementos son testemuña do desenvolvemento da industria en Santiago e o importante papel que os ríos xogaron neste proceso.
O Campus Sur (saída da escalinata da Alameda)
Representa unha pequena fase da longa historia da universidade compostelá, pois a súa urbanización iniciouse en 1929, e continuou crecendo ao longo de todo o século XX debido ao auxe dos estudos universitarios dos últimos anos. Estas ampliacións foron creadas con variedade de deseños e plantacións, pero grazas a esta falta de harmonía hai maior diversidade, con 230 especies arbóreas e arbustivas.
Parque de Carlomagno – Recomendado especialmente para Primaria (saída da rúa de Roma, a carón de Meteogalicia).
Un plano do parque precede o camiño peonil que ascende, entre chopos, ata os miradoiros (un deles con glicinia) e permite acceder a pequenas formacións de árbores e arbustos (carballos, érbedos...), nun dos parques máis grandes de Santiago. Despois do descenso, outro paseo entre hortensias e paralelo á rúa de Roma, esta vez chan e con equipamento biosaudábel, vólvenos ao punto de inicio.
Parque de Eugenio Granell (saída do encontro da rúa Luis Iglesias co Restollal)
Situado no Paxonal, o parque Granell ou da Ponte Pedriña é un dos parques máis extensos da cidade. Ten unha área infantil de xogos, máquinas de exercicio biosaudable, pistas de patinaxe e uns miradoiros que permiten ter espectaculares vistas sobre a cidade. Atravesado polo río Sar, o parque ten un bosque de ribeira moi ben conservado, unha zona de xardíns poboada cunha gran variedade arbustiva e arbórea e unha fermosa carballeira.
Parque da Granxa do Xesto e Selva Negra (saída da rotonda da entrada á Granxa do Xesto)
Na aba do Monte Pedroso, dende onde hai unha boa panorámica da contorna. O máis salientábel da Granxa do Xesto son os lagos artificiais intercomunicados, alimentados polas augas das minas. Conta con paseos, parque infantil, máquinas de exercicios biosaudábeis e unha cafetaría. Na Selva Negra lindeira coa Granxa do Xesto, destaca a campa inferior presidida por unha fonte monumental e a vella carballeira, de frondosos carballos, arrodeada de carballos novos e outras especies autóctonas de recente plantación. Lendas e historia mestúranse neste parque natural, que volveu a propiedade pública e foi recentemente restaurado
Natureza escondida na cidade histórica– Recomendado especialmente a partir da ESO (saída do Centro de Interpretación da Alameda)
Percorrido polo casco histórico da cidade descubrindo os pequenos xardíns, redutos naturais agochados entre o denso urbanismo medieval. Destacan o antigo Xardín Botánico da Universidade, creado en 1844 y que no século XIX contiña máis de mil especies pero que na actualidade só queda unha pequena parte; e o novo xardín de San Frutuoso, na zona alta das Hortas, formado por un labirinto de buxo.
Música en Compostela - Miradoiro do Monte de Deus (saída da capela da rúa dos Pelamios)
O Monte de Deus é un espazo público sito en Vite de Arriba. Unha vía asfaltada divide en dous o Monte e á altura da pista, a uns 340 m, sitúase un miradoiro sobre a cidade, dotado de panel identificador dos elementos máis destacados. Desde esa área, é posíbel subir por un camiño en zigzag até o cumio, a uns 380 m, desde cuxo miradoiro, o miradoiro de arriba, é máis ampla e distinta a vista da cidade e do seu contorno. Ademais, unhas pequenas pozas, recentes como o camiño, permitirán observar plantas e animais acuáticos.
Roteiro da Alameda a Brandía (saída do Centro de Interpretación da Alameda)
Seguindo o curso do Sarela atravesaremos diferentes zonas verdes do municipio: carballeiras, fermosos paseos, bosques de ribeira, pasarelas de madeira ou o futuro Xardín Botánico, até chegar ao punto onde se xuntan o Sar e o Sarela, e finalmente o parque de Brandía.
Roteiro da Alameda ao Pedroso (saída do Centro de Interpretación da Alameda)
Da Alameda ao Parque de Galeras para subirmos cara Monte Pío e acceder á Selva Negra desde a capela de San Paio do Monte. Atravésase a Selva Negra (prados, carballeira...) para chegar á Granxa do Xesto. Poderemos descender de volta á cidade por Casas Novas e o parque dos Camallóns, con boas vistas sobre a cidade histórica
Roteiro da Alameda ao Gaiás (saída do Centro de Interpretación da Alameda)
O roteiro atravesa as Brañas do Sar e pasa xunto á Colexiata románica para emprender a subida ao Monte Gaiás, dende onde teremos unha nova perspectiva da cidade e veremos os progresos da Cidade da Cultura, nun camiñar dende a arte medieval até a contemporánea.
Roteiro Circular de Fecha (saída de San Xoán de Fecha)
Saíndo da igrexa de San Xoán de Fecha, este percorrido atravesa pequenas e fortes pendentes para achegarse á conca media do río Tambre, na parte norte do Concello polo lugar de Vachao. Aquí atoparemos a Central Hidroeléctrica e o río encaixado nun canón, no seu discorrer cara á costa.
Roteiro circular do Monte do Gozo (saída da Igrexa de San Lázaro)
No camiño achegarémonos ao Monte do Gozo para contemplar as primeiras vistas da cidade que contemplan os peregrinos do Camiño Francés, para despois seguir este camiño para regresar á pequena igrexa de San Lázaro, situada na entrada á parte urbana do Concello.
Roteiro do Sarela: do Romaño a Galeras (saída da ponte do Romaño, última parada do Bus 4)
Seguiremos o río Sarela no seu tramo alto, onde mellor conserva o seu bosque de galería. Neste percorrido atoparemos vinculadas ao río diferentes edificacións como muíños de gran, pontes, lavadoiros, fontes ou unha curtiduría, que son testemuña do intenso aproveitamento que o ser humano fixo deste río ao longo do tempo.
Roteiro circular desde Ponte Mantible - Itinerario Verde por Santiago Norte (saída do parque de Ponte Mantible)
Roteiro circular de 6 quilómetros con saída e chegada no Ponte Mantible, xunto a San Caetano. Remóntase o río Corgo até o parque dos Salgueiriños e o Pozo da Neve en Meixonfrío, para despois ir parello á avenida de Asturias até o Mercado de Gando, baixar a San Lázaro e cruzar As Cancelas para voltar ao punto de saída.
Roteiro circular desde Ponte Mantible - Itinerario Verde por Santiago Centro (saída do parque de Ponte Mantible)
Roteiro circular con saída e chegada no Ponte Mantible, xunto a San Caetano. Pásase polos parques do leste da cidade: Almáciga, Bonaval e Belvís, para despois dar a volta polas Brañas do Sar e a aba do Gaiás, atravesar as Fontiñas e as Cancelas para volver ao punto de saída.
Roteiro da Alameda ás Brañas do Sar - Itinerario Verde por Santiago Sur (saída do Centro de Interpretación da Alameda)
Camiñada polo suroeste da cidade, pasando pola Alameda, o Campus Sur, o río Sarela e os barrios de Conxo e Paxonal até chegar ás Brañas do Sar, atravesando distintos ámbitos da cidade: dende o máis rural do Sarela ata os modernos espazos urbanos, os parques e zonas verdes compostelanas ou as zonas deportivas e de lecer da área universitaria.