Concello de Santiago Compostela Viva
Novas

Novas

SANEAMENTO EN MARROZOS, ARÍNS E O EIXO
A Xunta de Goberno Local adxudica a terceira e última fase do proxecto de saneamento da conca do río Aríns
30/03/2010 Esta mañá a Concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel de Santiago, a nacionalista Elvira Cienfuegos, anunciou en rolda de prensa que se aprobou, na Xunta de Goberno, a adxudicación provisional á empresa Misturas das obras correspondentes á terceira e última fase do proxecto de saneamento da conca do río Aríns.

Este proxecto conta cun orzamento de perto de 10 millóns de euros financiados en parte con fondos europeos e executados pola Xunta de Galicia e o Concello de Santiago. O proxecto, aprobado no 2004, tiña como ámbito de actuación a conca do río Aríns e do río Peiras, abranguendo as parroquias de Aríns, Marrozos e O Eixo.

 

A Xunta de Galicia ocupouse da execución dos colectores xerais, colectores de 315 ata 600 mm de diámetro, e tamén da Estación Depuradora de Augas Residuais, EDAR, situada na beira do río Aríns, perto do límite co concello de Vedra. Unha EDAR que xa está en funcionamento e que ten  capacidade para tratar os vertidos de 16.000 habitantes equivalentes, dun ámbito que neste momento conta cuns 4.000 residentes.

 

O Concello de Santiago ocupouse dos colectores secundarios que recollen as augas residuais nos núcleos de Veiga, Vixoi, Marrociños, Vilacoba, San Xuás,… cun investimento total superior aos 4 millóns de euros, dos que o 80% foi aportado por fondos europeos.

 

A conca do río Aríns, como a xeralidade do Concello, caracterízase por unha orografía complexa e unha gran dispersión poboacional, o que fai especialmente difícil, técnica e economicamente, achegar os servizos  de auga e saneamento. As obras que agora se adxudicaron ascenden a 150.000 euros e corresponden a pequenas ampliacións, que en total representan  900 m de canalizacións, dos colectores xa construídos nas fases 1ª e 2ª, que permitirán achegar a recollida de augas residuais a distintos núcleos: ao de San Xoás de Aríns, en Aríns, ao da Susana, en Marrozos e ao de Piñeiro e Veiga no Eixo.

 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal