Concello de Santiago Compostela Viva
Novas

Novas

Do 18 ao 31 de Maio
Ábrese un novo prazo para renovar e solicitar novas adxudicacións das hortas de Belvís
18/05/2010 “Desde hoxe e ata o próximo día 31, deste mesmo mes de Maio, ábrese o prazo para a renovación das autorizacións de uso das hortas municipais de Belvís, e tamén neste mesmo prazo se poderán realizar novas solicitudes” así o anunciou hoxe de mañá Elvira Cienfuegos, concelleira do Medio Ambiente de Santiago, durante a súa intervención diante dos medios de comunicación.

A edil nacionalista lembrou que “en Maio de 2008 o BOP daba conta da aprobación definitiva da Ordenanza reguladora do uso de hortas municipais, que establecía en dous anos o período de autorización de uso, período prorrogable a petición da persoa autorizada por dous anos máis” e tamén que “o 19 de Xuño do mesmo ano púñanse as parcelas a disposición das persoas ás que se lles autorizaba o seu uso, e dado que se achega a data de remate do período de autorización, procede abrir o prazo de solicitudes de prórroga para quen estea interesado en continuar, e simultaneamente, abrir o proceso de novas solicitudes que poderán acceder ás parcelas que queden disponíbeis ou ficar en lista de agarda”.

Renovación e novas solicitudes

Elvira Cienfuegos tamén indicou que “os modelos de solicitudes están a disposición das persoas interesadas na paxina web da concellaría www.compostelaviva.org, e na páxina web do Concello, ademais de na Oficina de atención á cidadanía, no Centro de Interpretación da Alameda, e tamén no local social das propias hortas”. As persoas solicitantes de nova concesión ademais da instancia haberán de entregar copia cotexada do DNI e, de ser o caso, documento acreditativo da condición de persoa xubilada ou prexubilada. As persoas que neste momento están na lista de agarda terán de facer de novo a solicitude se continúan a ter interese en acceder a unha parcela ou en permanecer na lista de espera.

Unha vez recibidas as novas solicitudes, unha comisión encargarase de facer a prelación delas, de acordo cos criterios previamente estabelecidos. En primeiro lugar, as persoas veciñas do barrio ou da súa contorna que estean xubiladas ou prexubiladas; en segundo lugar, as persoas xubiladas ou prexubiladas empadronadas no Concello; en terceiro lugar os veciños ou veciñas do barrio e en cuarto, calquera persoa de Santiago. De ser maior o número de solicitantes que o de hortas, a orde estabelécese por sorteo en calquera dos grupos de prelación.

O número de hortas disponíbeis saberase despois da renovación das solicitudes, aínda que, tal e como sinalou Elvira Cienfuegos “non cabe esperar que sexan moitas; sospeitamos que a maioría das persoas van continuar coas súas hortas porque en calquera momento se pode renunciar e se non o fixeron ata agora debe ser porque teñen vontade de continuar”.

Un espazo de convivio

Desde o ano 2008, cando comezou esta experiencia pioneira en Galiza, a maioría das hortas de Belvís están a ser constantemente traballadas. Nelas hai agora unha gran variedade de plantas comestíbeis, ademais de aromáticas e ornamentais. Tomates, pementos, cebolas, allos, amorodos, acelgas, espinacas, patacas, leituga, xudías, chícharos, tirabeques, remolachas, ..de todo o que neste tempo debe estar plantado.

A concelleira do Medio Ambiente mostrou a súa satisfacción porque “a sensación que predomina entre os e as adxudicatarias é tamén de satisfacción, na medida en que se avanzou na consecución dos obxectivos previstos: contribuír á diversificación dos aproveitamentos dos parques, posibilitar neles usos tradicionais, contribuír á posta en valor da agricultura ecolóxica, aumentar a valoración do consumo de alimentos sans e de calidade, fomentar entre a veciñanza unha ocupación saudábel para o tempo de lecer e favorecer a convivencia interxeracional e a troca de coñecementos e experiencias”.

As hortas municipais de Santiago tamén serviron de referencia para outros concellos de Galiza e de fóra dela, que se interesaron polo seu funcionamento e, en ocasións, viñeron visitalas. Tamén a Escola de Arquitectura da Coruña e a Universidade de Vigo se teñen interesados polas hortas.

 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal