Compostela acollerá o 8 e 9 de abril a constitución e primeira xornada de traballo do Comité Directivo do proxecto Parques Urbanos Atlánticos-ParkAtlántica, pertencente ao programa INTERREG-UV B Cooperación Transnacional do Espazo Atlántico. Este proxecto está liderado pola Concellaría de Medio Ambiente, que dirixe a nacionalista Elvira Cienfuegos, e nel participan como parceiros a Mairie d’ Angers (Francia); Mid-West Regional Authority (MWRA areas of Counties Clare, Limerick & North Tipperary and Limerick City) (Irlanda); Communauté d'agglomération Pau-Pyrénées (Francia) e Câmara Municipal de Porto (Portugal).
As xornadas comezarán coa recepción institucional ás entidades asociadas ao proxecto, para, de seguido entrar a debater o acordo de cooperación entre elas, delimitando os seus dereitos e obrigas, as canles de comunicación interna entre parceiros e os termos nos que se implantará o software de xestión en rede do Proxecto. No decurso do encontro procederase á elección do Comité de Dirección do proxecto, órgano que estará composto por un representante de cada un dos socios. Este Comité reunirase como mínimo tres veces ao ano e ten como principal cometido encargarse do desenvolvemento e implementación das actuacións previstas no Proxecto ParkAtlantic.
Durante a súa estadía en Santiago as delegacións (representantes de cidades/áreas metropolitanas que teñen en común con Compostela tratarse de cidades universitarias, contar cunha ampla rede de recursos naturais e parques urbanos e un importante patrimonio histórico-artístico), participarán en senllas visitas guiadas aos Parques de Compostela e á Cidade Histórica, ao tempo que terán a oportunidade de coñecer a realidade sociocultural da cidade e o papel do Camiño de Santiago como vía de diálogo intercultural.
ParkAtlantic, un proxecto europeo ao abeiro do Interreg IV-B
ParkAtlantic é un proxecto europeo financiado ao abeiro do Programa Interreg IV-B/ Cooperación Transnacional do Espazo Atlántico que ten como obxectivo promover as sinerxías transnacionais na posta en valor dos espazos naturais e do patrimonio cultural atlántico de interese transnacional. Liderado pola Concellaría de Medio Ambiente, que dirixe a nacionalista Elvira Cienfuegos, prevé un investimento total até 2013 de 1.301.170,77 € dos que o 65% (845.761,00) proceden dos fondos FEDER.
Trátase dun proxecto que pretende identificar e inventariar os recursos naturais urbanos e periurbanos, as súas potencialidades e as súas carencias, as melloras que deberían completar, o deseño dunha estratexia de promoción dos parques urbanos como elementos turísticos que complementen a oferta cultural e patrimonial das nosas cidades e tamén para converter os parques urbanos e periurbanos en aulas da natureza para nenos e mozos a modo de unidades didácticas ao aire libre. En definitiva, o proxecto pretende desenvolver tarefas de análise, investigación, intercambio de experiencias e difusión para o que se levarán a cabo as seguintes actividades:
· Creación Laboratorio Urbano Atlántico
Integrado por técnicos e expertos das cidades asociadas funcionará a modo de “oficina técnica do proxecto”.
· Redacción dun estudo de parques urbanos e periurbanos
Inventario e caracterización das redes de parques urbanos que permita tamén unha delimitación precisa dos usos do solo, utilizando un Sistema de Información Xeográfica (SIX). O estudo contempla tres grandes apartados: inventario de recursos naturais (parques urbanos e periurbanos); localización e mapas temáticos.
· Redacción dun Plan de Acción Urbano Atlántico Sostíbel
Como marco de referencia para a xestión pública dos parques urbanos e periurbanos.
· Formación
Elaboración de materiais para a formación en liña de técnicos municipais.
· Intercambios de experiencias
Organización de cando menos tres seminarios/encontros para análise das diferentes realidades e intercambio de experiencias.
· Difusión
Páxina web do proxecto con rutas temáticas ou xerais descargábeis en varias linguas e formatos: MP3, MP4 (audioguías); GPX (Tracks para OziExplorer e Compegps) para volcar en dispositivos de navegación; KML, para visualizar a través de Google Earth (arquivos KML).
Edición de diferentes publicacións das redes de parques urbanos e periurbanos.para promocionar o desenvolvemento urbano sostíbel a través da valorización do patrimonio natural e cultural.