Concello de Santiago Compostela Viva
Novas

Novas

Campaña informativa
‘Convivencia Guauuuu!’ convida a fomentar as boas prácticas na posesión de animais de compañía
25/02/2011 Esta mañá, no Pazo de Raxoi, presentou a campaña que o Concello de Santiago desenvolverá para fomentar unha ‘Convivencia guauuuu!’. Unha campaña que “estará activa a partir de principios de Marzo e que pretende fomentar as boas prácticas en relación co espazo público e os animais” tal e como explicou a concelleira do BNG, delegada municipal de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos.

Elvira Cienfuegos e Andrés FariñaA edil nacionalista presentou os materiais e a imaxe da campaña conxuntamente co concelleiro socialista responsábel de Sanidade, Andrés Fariña, que lembrou que “ao final do que se trata e de  lembrar o obrigado cumprimento dunha ordenanza que está aprobada desde 2003”.

“Desde hai tempo vimos detectando prácticas, na posesión de animais, que xeran molestias, problemas ou preocupación na cidadanía” explicou Cienfuegos, “destacan entre estas queixas a presenza de animais soltos nos parques ou a omisión da obriga de recollida dos seus excrementos nos espazos públicos”. E por todo isto que desde hai algún tempo “as concellerías de Sanidade e Medio Ambiente veñen traballando nesta campaña a desenvolver coa entrada do bo tempo e da primavera” cando a xente empeza a utilizar máis os parques e entre ela persoas con animais de compañía. “Consideramos, por tanto, que esta é unha etapa propicia para recordar as obrigas, algunhas claramente de sentido común, de sentido común solidario” incidiu a edil do Medio Ambiente.

Pola súa parte o concelleiro de Sanidade fixo fincapé na necesidade de concienciarse, diante da problemática dos animais abandonados, “desde o Refuxio de Bando ofrecemos un servizo público que moitas veces está desbordado diante das necesidades” e como exemplo puxo o pasado ano de 2010 no que “se recolleron 1.324 animais que é moito máis da nosa capacidade”. Fariña tamén insistiu na necesidade do chip identificador que teñen que levar os cans “porque moitos animais simplemente están perdidos, e non abandonados, e o feito de non estar debidamente identificados dificulta poder ser encontrados polos seus donos”.

Trípticos, muppies e dispensadores

A campaña ‘Convivencia Guauuuu!’ componse de trípticos divulgativos, de carteis específicos, de dispensadores de bolsas con contedor para a recollida de excrementos e sinalización para os espazos onde se permite cans soltos. A sinalización colocarase en determinadas zonas de determinados parques  (da Constitución, do Paxonal, das Fontiñas, de Belvís...), espazos non exclusivos para cans, pero si preferentes, se ben tamén neles os cans estarán igualmente baixo o control e a responsabilidade do seu dono ou dona.

O tríptico informativo e os cartéis conteñen información diversa de concienciación e información sobre os hábitos desexábeis e a normativa vixente. Fundamentalmente inciden en tres aspectos básicos para unha ‘Convivencia Guauuuu! como son: a identificación do animal, o uso da correa e recollida de excrementos. Para facilitar isto último instalaranse ademais 18 dispensadores de bolsas en diferentes parques da cidade

Podes baixar aquí o tríptico da campaña

 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal