Estas declaracións efectuounas hoxe a Concelleira do Medio Ambiente de Santiago na presentación aos medios deste proxecto de recuperación do río Corgo e da súa contorna ao seu paso polos Salgueiriños. Durante a súa intervención estivo acompañada de Rocio Castro, de Argé paisajismo, empresa á que se encargou o deseño da intervención.
A edil nacionalista lembrou tamén que o proxecto “responde a unha demanda veciñal e ademais estaba recollido no acordo de goberno asinado para esta lexislatura”, agora “faremos unha pequena intervención coherente co plan parcial previsto para ese espazo, con financiamento procedente dos fondos de emprego e sustentabilidade local,dos que se destinan 515 373,83 euros á execución da obra ”
Para esta zona dos Salgueiriños, a ocupada anteriormente polo mercado de gando, deseñárase un ambicioso plan parcial que suporía un investimento moi elevado, posibelmente de varios millóns de euros. Un plan concibido por Gallego Jorreto que na actual situación económica semella difícil de poder acometer nun período breve de tempo, que ademais está condicionado polo desenvolvemento, na zona sur da área, dun complexo de edificios administrativos da Xunta, que non semella que vaia saír adiante en breve. Por todo isto “desde Medio Ambiente de Santiago éramos conscientes das demanda veciñal e da necesidade de mellorar a calidade deste espazo, que, por outra parte é tarxeta de visita para quen entra a cidade polo norte e ademais acolle o tradicional mercadillo de todos os xoves” manifestou Elvira Cienfuegos.
Diálogo coa veciñanza
A concelleira do Medio Ambiente tamén explicou como “diante da posibilidade de dispor dun investimento, modesto para as aspiracións manifestadas, iniciouse un proceso de diálogo coas partes interesadas ( agrupadas na Plataforma praza pública Salgueiriños) para que avaliasen a situación e manifestasen a súa postura perante a proposta de actuación. Entenderon que unha intervención que non interferise co futuro desenvolvemento era positivo neste momento e iniciouse así un proceso participativo no que por parte das asociacións interesadas se priorizaron as necesidades e se propuxeron solucións.”
Tendo en conta as achegas da cidadanía iniciáronse os traballos de definición do proxecto, achegando periodicamente aos representantes das partes interesadas os avances que se ían dando e acordando as solucións viábeis. Finalmente, o 19 de Febreiro fíxose unha convocatoria pública no barrio para mostrar un resultado case definitivo, que coas achegas alí recibidas ou recibidas posteriormente por correo electrónico, foise concretando ata o resultado final presentado hoxe.
Características da intervención.
Neste momento, a obra está en fase de contratación, rematando o prazo de presentación de ofertas o próximo día 3 de maio. Despois da adxudicación, a execución da obra terá que realizarse nun máximo de 5 meses, rematando antes de finais do ano.