A concelleira mostrou os dous primeiros volumes desta colección que están dedicados á propia Granxa do Xesto e ao Parque do Monte da Almáciga. Acompañando a Elvira Cienfuegos estiveron tamén na presentación o director da Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con", Fernando Cobo; e o director xeral de Conservación da Natureza da Consellaría do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, institucións que colaboraron na elaboración e financiación destes dous primeiros volumes.
Elvira Cienfuegos indicou que “non son exhaustivos e sen dúbida quedan moitas cousas por sinalar; pero permiten unha aproximación diferente co apoio dunha pequena guía de peto que sen dúbida servirá para lembrar cousas, para aprender outras, e tamén para descubrir as que non están. Con ter moitas zonas verdes, Santiago conta con pouco traballos feitos sobre os parques e esta colección será unha base sobre a que ir progresando. Coñecer para valorar: velaí o que nos move”.
Pola súa parte García Borregon quixo manifestar “a importancia que para a dirección xeral de conservación da Natureza teñen este tivo de iniciativas, enmarcadas dentro da necesidade da divulgación e posta en valor da riqueza natural galega, un traballo imprescindible para poder concienciar mellor a toda a cidadanía do importante patrimonio natural que temos”
Granxa do Xesto e Monte da Almáciga
O primeiro volume está dedicado á Granxa do Xesto, unha zona de 82.000 metros cadrados na aba da Monte Pedroso e que foi deseñado como parque periurbano na transición entre o que pode ser un parque convencional e un monte mixto. Conta cun edificio con aseos e cafetería, con mesas e bancos para merenda, con camiños peonís e ciclábeis, con equipamento para o exercicio físico e cunha área de xogos infantís.
Neste parque conserváronse exemplares existentes, antes da súa construción, e engadíronse outros que hoxe conforman pequenos grupos de castiñeiros, de carballos, de bidueiros, de piñeiros. Salpicados polo parque hai unha gran variedade de arbustos: xestas, queiroas, pero tamén rosa silvestre, espiño, érbedo, abeleira,... Mais o que fai realmente singular á Granxa do Xesto é a presenza de pequenas lagoas artificiais que no curso destes anos se foron naturalizando e incorporando plantas e animais propias destes medio, o que lles confire un singular valor, tal como sinalaron desde a Estación Hidrobiolóxica do Con (USC).
O parque do Monte da Almáciga é un parque relativamente xoven conformado nos anos 90 sobre o monte do mesmo nome aproveitando a topografía do monte sendo moi interesante a perspectiva da cidade que desde a súa cima se pode observar. Na guía cítanse algunhas especies vexetais como as moreiras, das que hai no parque fermosos exemplares, outras árbores como a magnolia, o piñeiro de Oregón, ou o cedro do Himalaia. Tamén se menciona o estanque con diferentes especies de plantas que gustan da humidade, a escultura de Silverio Rivas, e inclúe unhas notas sobre a batalla da Almáciga.
Estas novas publicacións constitúen unha aportación ás diferentes accións de dinamización e divulgación dos parques e xardíns (paneis informativos, visitas guiadas).