Concello de Santiago Compostela Viva
Novas

Novas

Xoves, 24 de Xuño ás 20 h. no CGAC
Medio Ambiente de Santiago colabora co ciclo de conferencias ‘A auga de Compostela, patrimonio dunha cidade sustentable’
23/06/2010 A Concellaría do Medio Ambiente de Santiago colabora co ciclo de conferencias A auga de Compostela, patrimonio para unha cidade sustentable. Unha serie de charlas organizadas en colaboración pola delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galiza (COAG-Santiago).

Jorge Duarte, Elvira Cienfuegos e Iván de AndrésAcompañando a Elvira Cienfuegos, na presentación desta conferencia estiveron hoxe de mañá Iván de Andrés, responsábel de Cultura do COAG-Santiago e Jorge Duarte, presidente da delegación.

Para a edil nacionalista “é indubidábel que na arquitectura a preocupación pola sustentabilidade foi claramente en aumento nos últimos tempos o que veu dando froitos relevantes como o uso de novos materiais ou o aumento da eficiencia no uso de enerxías renovábeis nas novas construcións” é por iso que “non é de estrañar que un bo número de arquitectos, especialmente aos que traballan no urbanismo ou no paisaxismo, se interesen pola auga e a súa xestión. Porque a auga, un recurso limitado, é indispensable para todas as formas de vida, contribúe a conformar paisaxes, é necesaria para a conservación de ecosistemas sans e tamén para o benestar humano”.

Elvira Cienfuegos quixo lembrar que “o nacemento e a evolución de Santiago de Compostela non pode explicarse sen mencionar a auga. A auga dos seus ríos, que serviu para regar as hortas, para lavar a roupa, para moer os cereais ou para a industria do curtido. A auga das súas fontes e manantiais, que daban de beber á veciñanza e visitantes. A auga, que hoxe axuda a conformar os espazos verdes públicos, os parques e xardíns que contribúen a calidade ambiental e a calidade de vida dos seus habitantes” engadindo que “a auga é un recurso insubstituíbel que hai que xestionar sabiamente. A auga é o gran patrimonio de Compostela e sen dúbida só cunha xestión acaída dela podemos avanzar no camiño da sustentabilidade”. 

Este ciclo de conferencias únese á iniciativa da Estratexia Verde para Compostela que se está a impulsar desde a Concellaría co apoio do Consorcio de Santiago.

A auga de Compostela

A conferencia será mañá, xoves 24, ás 20 h. no CGAC e estará presentada polo arquitecto Albert Cuchi, profesor da UPC e director-coordenador da equipa de traballo elaborador dunha Estratexia Verde para Compostela que introducirá o tema e a conferencia que impartirá Pietro Laureano, laureado arquitecto urbanista italiano experto tamén en temas de auga. 

Pietro Lauréano, é profesor de Historia da cidade e do territorio na Facultade de Arquitectura do Politécnico de Bari (Italia). É membro do consello directivo  do comité italiano do ICOMOS, consultor da UNESCO e experto en zonas áridas, na civilización islámica e nos ecosistemas en perigo. Realizou misións en Sana’a e en Shibam (Iemen), en Tipasa (Alxeria) e en Petra (Xordania).En palabras de Iván de Andrés “teremos a oportunidade de escoitar a unha das máximas autoridades, nesta temática, do panorama internacional”. 

Unha ocasión para a reflexión e para a toma de decisións sobre a xestión da auga en Compostela. Unha conferencia de especial interese nun momento no que se está a reflexionar sobre o desenvolvimento do Plan especial dun entorno tan dependente da auga como son as Brañas do Sar.

 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal