Concello de Santiago Compostela Viva
Novas

Novas

O Día da Árbore
A prantación de 300 árbores na Volta do Castro principal actividade do Día da Árbore e da Auga
18/03/2009 A concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel de Santiago, a nacionalista Elvira Cienfuegos, presentou esta mañá as actividades que o seu departamento desenvolverá para celebrar o Día da Árbore e o Día da Auga.

O día da árboreA prantación dunhas 300 árbores e arbustos en Volta do Castro será a principal actividade desta efeméride. Serán uns 150 alumnos do CEIP Quiroga Palacios de entre 6 e 11 anos e a veciñanza da zona que se queira achegar ata alí os que, axudados por técnicos de Parques e Xardíns e Cespa, procederán a prantar estas árbores. Ademáis, nesa mesma zona de Volta do Castro, repoñerase unha fonte coa colaboración de técnicos de Aquagest. Todas estas actividades serán o vindeiro xoves, 26 de marzo a partir das 12 do mediodía.

 O departamento de Medio Ambiente, en colaboración con Cespa e Aquagest, editou cartaces, trípticos, marcapáxinas, camisetas, gorras e vasos coa imaxe deste ano e coa imaxe das especies arbóreas que se van prantar. Precisamente, estas especies están a disposición de todos os centros educativos que xa foron informados hai uns días da posibilidade de dispor de exemplares para realizar actividades cos rapaces e rapazas. A todo esto hai que engadir a oferta de visitas guiadas polos parques e ríos da cidade, así como as visitas á potabilizadora e depuradora, que oferta a Concellaría de Medio Ambiente. Ademáis, nos vindeiros días e no marco desta celebración presentaránse dous novos folletos, un sobre o río Tambre e outro sobre a historia da auga en Compostela.

 O Día da Árbore celebrouse por primeira vez en Galiza, concretamente en Mondoñedo, no século XVI. No ano 1971 foi declarado o día 21 de marzo como Día Forestal Mundial. As árbores, sinalou a concelleira “purifican o aire e a auga, protexen o solo, moderan o clima e dan froito, madeira e fibras, ademais de que moitas actividades económicas e sociais están ligadas a elas”.

 En canto á auga, temos que o 22 de marzo foi declarado Día da Auga no 1993 pola ONU. É, como sinalou Cienfuegos, un recurso limitado, polo que “debemos utilizala e xestionala responsábelmente”. Así, “coñecer e recoñecer o valor das árbores e da auga é o obxectivo desta celebración”.

 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal