Concello de Santiago Compostela Viva
Novas

Novas

Destínanse 8.000 €
Medio Ambiente de Santiago subvenciona as plantacións forestais nos montes de Compostela
29/07/2010 O boletín oficial da provincia da Coruña publicou na súa edición do 28 de xullo as ‘Bases para o outorgamento de subvencións para plantacións forestais en montes do Concello de Santiago’ polas que se destinan 8.000 euros para contribuír a sufragar as plantacións forestais por particulares e asociacións realizadas durante o ano 2010.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 30 días naturais, a partir de hoxe, e poderán solicitar as axudas as asociacións veciñais e particulares de Santiago que sexan propietarias, arrendatarias ou usufrutuarias de terreos que cumpran cos requisitos e obrigas que marca a lexislación vixente. Todas as solicitudes terán de ser entregadas no Rexistro municipal do Concello.

A concellaría do Medio Ambiente de Santiago, dirixida pola nacionalista Elvira Cienfuegos, destinará a estas subvencións até 8.000 €, aboando até un máximo de 900 € a cada particular sempre e cando o montante global das axudas non supere a cantidade total dos 8.000 €.

Especies subvencionadas

As especies subvencionadas son o carballo, o bidueiro, o castiñeiro, a nogueira, a cerdeira, o ameneiro e o carballo americano. A contía subvencionada é de 3 € por planta autóctona e de 1,5 € no caso do carballo americano. Serán plantas de como mínimo 50 centímetros de altura e deberán poñerse en parcelas de cando menos 500 metros cadrados de extensión, respectando as distancias mínimas e as densidades de plantación especificadas nas bases.

As bases desta convocatoria podense recoller na Sección de Medio Ambiente do Concello de Santiago de Compostela, Teléfono 981 543 147 e na oficina de atención ao cidadán, teléfono 981 543 128 ou baixar desde as seguintes ligazóns:

BOP do 28 de Xullo de 2010 no que se recollen as Bases para o outorgamento de subvencións para plantacións forestais en Santiago nas páxinas 84-88 (1 Mb)

Modelo de solicitude de axudas para as plantacións forestais (34 Kb)

 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal