O novo parque infantil terá unha superficie total de 90 metros cadrados e irá equipado con solo de caucho continuo sobre o que se asenta unha plataforma con tobogán, escaleira, mastro de bombeiro e rede vertical de trepa. Alén desta equipa multixogo a zona completase con máis dous xogos con resorte estando todo o seu chan pintando con cores vivas e divertidas.
O novo equipamento está construído co obxectivo de dispor dun espazo para o xogo infantil nunha área que xa é utilizada para o encontro e o lecer, como campo de festa ou como adro do CSC. O acondicionamento do espazo incorpora novos elementos de atracción e servirá como elemento para a socialización e o desenvolvemento da psicomotricidade de nenos e nenas entre 2 e 8 anos, ao tempo que facilita un punto de encontro para as persoas maiores. A área de xogo servirá para complementar as actividades que se programan desde o CSC de Villestro e facilitará tamén a relación entre os pais e nais ou outras persoas adultas mentres atenden os xogos das crianzas.
Os barrios e parroquias de Santiago precisan os equipamentos e infraestruturas necesarias para aumentar a calidade de vida da súa veciñanza.
A concellaría do Medio Ambiente ten como firme obxectivo implementar políticas e accións de goberno que contribúan a ampliar o benestar en Santiago, sempre desde unha perspectiva de desenvolvemento sustentábel. Este novo recinto de xogo e lecer atende ao sentir e aos desexos da veciñanza da parroquia de Villestro, dando satisfacción a unha demanda da Asociación Veciñal e substituíndo a anterior área de xogos que anteriormente rodeaba a antiga escola unitaria de Fraiz, que deixou de funcionar como tal hai tempo xa.