Concello de Santiago Compostela Viva
Novas

Novas

Cun investimento total de 11.500 euros
O Plan de Prevención de Incendios de Santiago permitirá unha loita máis eficiente contra os lumes
16/11/2009 Este luns a concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel de Santiago, Elvira Cienfuegos, presentou o Plan de Prevención de Incendios aprobado pola Xunta de Goberno na súa sesión do día 10 e que conta xa tamén con visto bo da Dirección Xeral de Montes do goberno galego.

Este plan deriva da lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza, que ten o obxectivo de potenciar e mellorar a eficiencia da loita contra os incendios forestais, estrutura o planeamento da defensa en varios niveis: galego, de distrito, municipal e inframunicipal. Elvira Cienfuegos resaltou que “o documento vai ser moi valioso, por canto concentra e estrutura datos, procedementos e actuacións de cara a súa aplicación para a mellora da loita preventiva e de defensa contra os incendios forestais en Santiago”.

Elvira Cienfuegos
A edil nacionalista explicou como “o anterior goberno da Xunta posibilitou o establecemento de convenios cos concellos interesados en elaborar neste 2009 un Plan municipal de Prevención, a integrar no Plan de Distrito”. Neste contexto o Concello asinou o convenio, en virtude do cal a Consellaría achegará 5.000 euros dun custe total de 11.500 euros. Proserga foi a empresa encargada de redactar este plano que abrangue os 220,60 Km2 de Santiago e que conta cos seus 269 núcleos de poboación, unha área que Elvira Cienfuegos cualificou como “un ámbito amplo, delicado e complexo en relación a outros concellos de Galiza, e que ademais está considerado Zona de alto risco de incendio segundo Orde de abril de 2007”.

“De carácter trianual, este plan integrarase no Plan de emerxencias municipal, e terá como obxectivo caracterizar o concello e estruturar, clasificar e organizar os seus medios, accións e obxectivos de acordo co Plan de Incendios galego” indicou a concelleira do Medio Ambiente, engadindo que “o documento completase con un conxunto de mapas a escala 1:25.000 e varios anexos con datos de climatoloxía, fauna, espazos e especies protexidas, características da rede viaria forestal, hidroloxía, formularios, datos de incendios en Compostela nos últimos anos”.

Datos, procedementos e actuacións

No documento enuméranse todos os núcleos agrupados por parroquias detallando os condicionantes do medio natural como as características orográficas, a climatoloxía, a hidroloxía, a vexetación ou a fauna. Esta relación vai acompañada dunha síntese dos condicionantes socioeconómicos, no que se mostran datos da evolución da poboación e da súa ocupación por sectores.

Salientase tamén que o sistema forestal en Santiago representa o 52,7 % da superficie do municipio con un total de 11.615 has. Entre as parroquias que teñen máis superficie forestal destacan a da Sabugueira con 1.603 has que supón case un 60% do seu territorio, ou a de San Xoán de Fecha, con 1.530 has equivalente a un 73,5 % da súa superficie. Sendo practicamente a totalidade do monte de propiedade privada, cunha superficie media de 2.341 m2 por parcela.

Os datos que recolle o documento son os correspondentes ao período 1999-2008 no que se rexistraron en Santiago 749 incendios, que se corresponde a unha media de 75 incendios por ano, e unha superficie queimada de 136,39 has ao ano e cunha área media de 1,82 has queimadas por incendio. Hai que destacar os datos do bienio 2007, 2008 cando diminúen considerablemente os lumes, con vinte e doce incendios, respectivamente.

Como puntos potencialmente perigosos identifícanse as gasolineiras, depósitos de produtos inflamábeis ou areas recreativas, entre outros, indicando tamén os puntos onde se pode proceder á captación de auga en caso de incendio. Tamén se determinan as zonas de actuación preventiva, destacando que gran lonxitude da rede viaria de Santiago que é de máis de 1.186 km, dos que 671, en asfalto ou terra, están en superficie forestal.

Planificación da extinción de incendios

A dificultade de extinción dos incendios tamén aparece recollida no Plano en función das necesidades e dificultades, creando unha escalar que toma valores entre 1 e 38. Seguindo esta escala un 77 % tería un valor por debaixo do 10, un 20% dos incendios situaríanse entre o 10 e o 20, e un 1,5% estaría nun nivel superior a 20

En función destes datos o plano estabelece prioridades nas actuacións de prevención, tanto sobre o territorio como sobre a poboación. Recollese nun mapa as parroquias segundo a prioridade de actuación e describese os medios dispoñíbeis, as infraestruturas de vixía, os medios de prevención e extinción e os procedementos operativos no caso de incendios.

Finalmente o Plan complétase coas normas de regulación de aproveitamentos e usos que poidan provocar lumes forestais: normas para queimas, para festas, para o acceso e circulación por zonas forestais en función do risco de incendio, etc.

Descargar texto completo (8, 8 Mb)

 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal