Concello de Santiago Compostela Viva
Novas

Novas

Patrimonio natural e cultural
Os tesouros naturais das 13 cidades patrimonio españolas, ao descuberto nunha mostra con cen fotografías
08/06/2011 Santiago é o punto de partida. O Museo do Pobo Galego acolle a primeira das montaxes. Inaugúrase o mércores 8 de xuño ás 20 horas e permanecerá aberta ata o día 26. Despois partirá rumbo a Ibiza/Eivissa.

Unha exposición itinerante, organizada polo Grupo de Ciudades Patrimonio de la Humanidad de España e producida por Alvarellos Editora, descubre os valores medio- ambientais meños coñecidos dos trece históricos enclaves. 

O claustro do Museo do Pobo Galego acolle, dende o día 8 ata o 26 de xuño, a primeira das montaxes da exposición fotográfica itinerante “Patrimonio natural”. Trátase dunha mostra de máis de 100 fotografías onde se descubren os tesouros naturais das trece Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Os autores das imaxes son artistas de recoñecido prestixio, cuxo traballo se acompaña de citas de destacados autores e/ou especialistas no medio natural. As imaxes correspondentes a Santiago pertencen a Fuco Reyes, e os textos á escritora e bióloga Marilar Aleixandre.  

A inauguración da exposición terá lugar o vindeiro mércores, 8 de xuño, ás 20 h. no claustro do Museo do Pobo Galego. Intervirán o alcalde en funcións, Xosé Sánchez Bugallo; a Concelleira de Medio Ambiente en funcións, Elvira Cienfuegos e o Presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi. O acto contará tamén coa intervención musical de Ugía Pedreira, acompañada da danza de Marina Oural e Marcelo González. 

Dende Santiago de Compostela, a mostra partirá a Ibiza/Eivissa (segunda quincena de xullo). Logo as fotografías viaxarán a San Cristóbal de La Laguna, Córdoba, Ávila, Tarragona, Toledo, Cáceres, Segovia, Cuenca, Mérida, Alcalá de Henares e Salamanca, onde terminará o súa andaina en abril de 2012.  

A exposición traza un percorrido visual, literario e tamén divulgativo pola flora e a fauna, polos espazos verdes urbanos e periurbanos de cada unha das Cidades Patrimonio. Unha viaxe por eses outros monumentos vivos, moitas veces inéditos e sempre sorprendentes. E unha nova forma de coñecer, respectar e valorar o noso contorno natural.  
 
 

Esta mostra tivo como orixe o libro+DVD Patrimonio natural. Ciudades Patrimonio de la Humanidad de España, editado en 2010 polo Grupo de Cidades Patrimonio e Alvarellos Editora. Nel participaran 26 escritores e fotógrafos. Unha parte desa publicación cobra agora nova vida.  

IMAXES MONTADAS SOBRE ALUMINIO “DIBOND”  

Son en total 65 paneis fotográficos os que se mostran nesta expo “Patrimonio natural”. Cinco paneis por cada unha das trece cidades. As fotografías imprimíronse sobre un novo sistema de montaxe que emprega o aluminio como base, é o coñecido como “Dibond”, un novo material que, polo seu pouco peso e alta resistencia, é especialmente indicado para mostras itinerantes e ofrece unha enorme calidade visual. Está composto por unha capa central de polietileno e dúas follas de aluminio como cuberta, cun grosor total de tres milímetros.

 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal