Concello de Santiago Compostela Viva
Novas

Novas

Trece especies diferentes
Santiago celebra o Día da Árbore e da Auga coa plantación de 331 árbores de trece especies
26/03/2009 A concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel de Santiago asistiu, xunto a outros membros da corporación, esta mañá á prantación de árbores e arbustos que se levou a cabo no parque de Volta do Castro para celebrar na cidade o Día da Árbore e o Día da Auga.

Día da Árbore e da Auga coa plantación de 331 árbores de trece especies Esta prantación foi a actividade principal dentro das varias que organizou o departamento de Medio Ambiente en colaboración con Cespa e Aquagest

En total foron 331 as árbores e arbustos prantados de trece especies diferentes: acivro, érbedo, castiñeiro, faia, loureiro, sobreira, teixo, chopo, bidueira, escornabois e tres árbores de ribeira: ameneiro, freixo e olmo. Prantáronnos uns 150 nenos e nenas do CEIP Quiroga Palacios de entre 6 e 11 anos, veciños do barrio e tamén algúns dos maiores que residen na residencia de Volta do Castro, axudados por técnicos de Parques e Xardíns e Cespa. Ademáis, nesa mesma zona de Volta do Castro,repúxose unha fonte coa colaboración de técnicos de Aquagest.

O departamento de Medio Ambiente, en colaboración con Cespa e Aquagest, editou cartaces, trípticos, marcapáxinas, camisetas, gorras e vasos coa imaxe deste ano e coa imaxe das especies arbóreas que se prantaron. A todo esto hai que engadir a oferta de visitas guiadas polos parques e ríos da cidade, así como as visitas á potabilizadora e depuradora, que oferta a Concellaría de Medio Ambiente. Ademáis, no marco desta celebración presentáronse dous novos folletos editados pola concellaría de Medio Ambiente, un sobre o río Tambre e outro sobre a historia da auga en Compostela.

O Día da Árbore celebrouse por primeira vez en Galiza, concretamente en Mondoñedo, no século XVI. No ano 1971 foi declarado o día 21 de marzo como Día Forestal Mundial. As árbores, sinalou a concelleira “purifican o aire e a auga, protexen o solo, moderan o clima e dan froito, madeira e fibras, ademais de que moitas actividades económicas e sociais están ligadas a elas”.

En canto á auga, temos que o 22 de marzo foi declarado Día da Auga no 1993 pola ONU. É, como sinalou Cienfuegos, un recurso limitado, polo que “debemos utilizala e xestionala responsábelmente”. Así, “coñecer e recoñecer o valor das árbores e da auga é o obxectivo desta celebración”.

 

 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal