Elvira Cienfuegos indicou que “o itinerario verde contará con unha sinalización propia de cada ruta e con paneis informativos; ademais crearanse varias zonas de descanso dotadas de mobiliario urbano que se unirán ás xa existentes nos parques”. A edil de Medio Ambiente tamén resaltou que esta “é unha línea na que xa se foi avanzando aos poucos ata chegarmos, actualmente, a ter unha rede de sendeiros de pavimento natural susceptíbeis de uso peonil e ciclabel dentro de todos os parques; agora con este proxecto o que faremos será dar continuidade a estes camiños unindo as grandes zonas verdes de Compostela ao tempo que se mellora a pavimentación e se eliminan barreiras, mellorando tamén a seguridade cando haxa que atravesar rúas de tránsito automobilístico”.
A concelleira nacionalista explicou igualmente que “estes roteiros servirán para mellorar o coñecemento das zonas verdes, facilitando as sinerxías con outros proxectos executados ou en execución, como as visitas guiadas, a guía verde, a colección de guías de bolso ou os paneis informativos” e tamén “serán validos para promover hábitos saudábeis, como camiñar ou andar en bicicleta”.
“Este itinerario servirá tamén para coñecer os valores históricos e culturais da cidade desde unha visión diferente: a visión desde os seus parques, posto que desde moitos deles poden observarse algúns dos edificios máis emblemáticos da cidade e desde outros, como a Granxa do Xesto ou Monte de Deus pódense observar excelentes panorámicas de Santiago” en palabras de Elvira Cienfuegos.
Tres alternativas e cinco ramificacións
Despois de escoitar e analisar distintas suxestións, o proxecto concretouse na sinalización dun roteiro circular con 3 alternativas e 5 ramificacións. O roteiro circular parte da Alameda e volve a ela polo parque de Bonavla; a alternativa A será a máis curta, conformando un circuito de 14 km. Pola súa parte a alternativa B será de 16 Km desviándose en San Caetano polo parque de Avilés de Taramancos para despois de percorrer o parque de Carlomagno enlazar coa A en Sar. A terceira alternativa circular será a C con un total de 19 Km e chegará ata o parque de Salgueiriños percorrendo Amio e San Lázaro para incorporarse á alternativa circular B á altura das Fontiñas.
As cinco variantes achegarannos ata a Granxa do Xesto desde o parque de Galeras, a denominada D1. A variante D2 levará ao Monte de Deus desde o Parque José Afonso e a desviación D3 leva ao parque de Ponte Pereda desde o Monte de Conxo. Desde o Parque da Volta do Castro sairá a variante D4 ata o río Sar á altura de Torrente en Conxo e por último a D5 que ligará o Campus Vida co parque de Brandía.
Na sinalización de todas estas opcións empregaranse baldosas incrustadas no chan que indicarán todos os sentidos e direccións a seguir. Tamén se usarán balizas para marcar os puntos quilométricos ou pendentes importantes e colocaranse paneis para a información xeral dos itinerarios e para indicar os valores naturais ou culturais do contorno.
É un obxectivo da Concellaría do Medio Ambiente que esta sinalización e a súa difusión por diferentes medios, incluíndo o papel, contribua á utilización habitual do roteiro como alternativa ao uso da rúas, que hai que compartir cos coches.