Soco García Conde destacaba que se cumpriron os obxectivos cos que se iniciaba Vive o verán! hai xa dous meses. Entre estes figuraba especialmente o de achegar unha oferta de lecer educativo, sociocultural e ambiental adaptado ao exterior ao mesmo tempo que se daba a coñecer a Rede de Centros Socioculturais de Compostela. A edil nacionalista mostrouse moi satisfeita xa que 'a xente interesouse e asistiu ás actividades'. Segundo os datos ofrecidos, o programa contou cun total de 6.500 usuarios.
Pola súa banda, Elvira Cienfuegos quixo destacar que non só o número de participantes foi significativo, senón que as súas opinións sobre o programa, recollidas a modo de enquisa, manifestaban satisfacción. Segundo Cienfuegos, estes datos de participación e acollida animan a continuar co programa en anos vindeiros. Así, dixo, "cómpre continuar cun programa que contribúe a mellor coñecer a cidade e disfrutar dos espazos exteriores de Compostela".
Obxectivos cumpridos e superación das expectativas
Ademais, a concelleira de Cultura explicou que se acadaron obxectivos máis concretos para esta segunda edición, como o de sumar axentes que colaborasen no programa -como é o caso de Arteria Noroeste, Curocircuíto ou a asociación Astronomía na Beirarrúa- e mellorar a organización e ampliar a oferta respecto ao ano pasado. Nese sentido, Socorro García destacou que a edición de 2009 "incrementou o número de actividades ofrecidas, os días de celebración de actividades e os espazos, chegando á zona rural", o que considerou como todo un éxito.
Elvira Cienfuegos fixo tamén unha valoración moi positiva deste 'Vive o verán!' que ofreceu catorce actividades distintas ao longo de xullo e agosto. A responsable de Medio Ambiente salientou por exemplo unha proposta como 'Bibliopiscina', que incrementou nun 25% a súa participación respecto ao ano pasado. Tamén destacou o caso de 'Observando o ceo', que cunha previsión de menos dun centenar de usuarios, acadou unha cifra final de trescentos asistentes. O cinema ao aire libre tamén obtivo este ano mellor acollida que en 2008, malia os aspectos meteorolóxicos, que tan pouco favoreceron nesta ocasión.