
O Consello Municipal de Medio Ambiente é un órgano colexiado de participación cidadá, un órgano de asesoramento, consulta, proposta, información, comunicación e debate. Este Consello é un dos que conta con unha representación cidadá máis diversa e numerosa; a procura da transversalidade nas políticas de sustentabilidade implica que sexan moitos os sectores sociais representados neste órgano.
Función principal do Consello é servir de canle de participación e diálogo dos interlocutores sociais no desenvolvemento da política ambiental do Concello; pode propor criterios de actuación na liña do desenvolvemento sustentábel e participar no seguimento da xestión municipal.
O Consello tamén pode informar e ser informado sobre temas específicos do sector e propoñer alternativas concretas aos problemas existentes na área de medio ambiente. Ou mesmo emitir informes, por iniciativa propia ou do Concello, sobre materias das súa competencia. O Consello pode levar convidados para tratar un tema específico e os seus membros poden formar comisións de traballo para asuntos concretos.
O Pleno deste Consello, presidido pola concelleira de Medio Ambiente por delegación do Alcalde, está integrado por representantes das asociacións ecoloxistas, dos grupos políticos con representación municipal , dos técnicos do Concello, dos grupos de defensa dos animais, das asociacións de consumidores, das asociacións veciñais, das asociacións xuvenís, das asociacións empresariais, dos sindicatos de clase, dos sindicatos agrarios, da Universidade, da Consellaría de Medio Ambiente e tamén por dous expertos en temas medio ambientais.

Máis información
Regulamento do Consello Municipal de Medio Ambiente. Descargar (pdf, 336 Kb).