Concello de Santiago Compostela Viva

   Novas

Máis novas
DA GRANXA DO SEXTO E DO MONTE DA ALMÁCIGA
23/09/2009 Os parques e xardíns de Compostela contan xa cunha nova ferramenta divulgativa e informativa que axudará se coñezan con maior profundidade para valoralos mellor. Trátase dunha serie de pequenas guías dos parques que foi presentada esta mañá, na Granxa do Xesto, pola concelleira do Medio Ambiente de Santiago, a nacionalista Elvira Cienfuegos.
Sustentabilidade
Compostela Viva > Sustentabilidade > Plan de Prevención de Incendios forestais

Plan de Prevención de Incendios forestais

O Plan de Prevención de Incendios Forestais (PPIF) de Santiago deriva da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza,  Lei que ten o obxectivo de potenciar e mellorar a eficiencia da loita contra os incendios forestais e que estrutura o planeamento da defensa en varios niveis: galego, de distrito, municipal e inframunicipal O Plan Municipal é un documento valioso porque  define medios, procedementos e actuacións de cara a súa aplicación para a mellora da loita preventiva e de defensa contra os incendios forestais en Santiago.

A Consellería de Medio Rural da Xunta posibilitou o establecemento de convenios cos concellos interesados en elaborar no 2009 un Plan municipal de Prevención, a integrar no Plan de Distrito. Neste contexto o Concello de Santiago asinou o convenio, en virtude do cal a Consellaría achega 5.000 euros dun custe total de 11.500 euros. Proserga foi a empresa encargada de redactar o  plano que abrangue 220,60 Km2 de Santiago con 269 núcleos de poboación; un ámbito amplo, delicado e complexo en relación a outros concellos de Galiza, e que ademais está considerado Zona de alto risco de incendio,segundo Orde de abril de 2007.

De carácter trianual, este plan integrarase no Plan de emerxencias municipal, e terá como obxectivo caracterizar o concello e identificar, estruturar, clasificar e organizar os seus medios, accións e obxectivos de acordo co Plan de Incendios galego. O documento completase con un conxunto de mapas a escala 1:25.000 e varios anexos con datos de climatoloxía, fauna, espazos e especies protexidas, características da rede viaria forestal, hidroloxía, formularios, datos de incendios en Compostela nos últimos ano, etc. .

Datos

No documento enuméranse todos os núcleos agrupados por parroquias detallando os condicionantes do medio natural como as características orográficas, a climatoloxía, a hidroloxía, a vexetación ou a fauna. Esta relación vai acompañada dunha síntese dos condicionantes socioeconómicos, no que se mostran datos da evolución da poboación e da súa ocupación por sectores.

O ámbito forestal en Santiago representa o 52,7 por cento da superficie do municipio con un total de 11.615 hectáreas. Entre as parroquias que teñen máis superficie forestal destacan a da Sabugueira con 1.603 hectáreas que supón case un 60 por cento do seu territorio, ou a de San Xoán de Fecha, con 1.530 hectáreas equivalente a un 73,5 por cento da súa superficie. Practicamente, a totalidade do monte é de propiedade privada, cunha superficie media de 2.341 m2 por parcela.

O documento recolle os datos relativos aos incendios no período 1999-2008 no que se rexistraron en Santiago 749 incendios, que se corresponde a unha media de 75 incendios por ano, e unha superficie queimada de 136,39 hectáreas ao ano e cunha área media de 1,82 hectáreas queimadas por incendio. Hai que destacar os datos do bienio 2007- 2008 cando diminúen considerablemente os lumes, con vinte e doce incendios, respectivamente. A  pauta no referido ao número de incendios no período analizado é semellante a do conxunto do distrito, se ben en  Santiago o número é lixeiramente menor no ano 2004 e maior no 2006.

A prevención e a extinción de incendios: medios, procedementos e actuacións

Como puntos potencialmente perigosos identifícanse as gasolineiras, depósitos de produtos inflamábeis ou areas recreativas, entre outros;  identíficanse tamén os puntos onde se pode proceder á captación de auga en caso de incendio. Tamén se determinan as zonas de actuación preventiva ( protección de núcleos, rede viaria,...)ou zonas de xestión da biomasa;  destaca a gran lonxitude da rede viaria de Santiago, que é de máis de 1.186 km, dos que 671, en asfalto ou terra, están en superficie forestal.

No Plano analizase a dificultade de extinción de incendios en función dun índice de aplicación xeral que adopta valores entre 1 e 38;  é o resultado de combinar índices de pendente, exposición, combustible e densidade de infraestruturas. Segundo esta escala, un 77 por cento tería un valor por debaixo do 10, un 20 por cento dos incendios situaríanse entre o 10 e o 20, e un 1,5 por cento estaría nun nivel superior a 20.

En función dos datos analizados, o plano estabelece prioridades nas actuacións de prevención, tanto sobre o territorio como sobre a poboación. Recóllese nun mapa a prioridade das actuacións por parroquias.

Tamén se describen os medios dispoñíbeis, as infraestruturas de vixía, os medios de prevención e extinción e os procedementos operativos no caso de incendios.

Finalmente o Plan complétase coas normas de regulación de aproveitamentos e usos que poidan provocar lumes forestais: normas para queimas, para festas, para o acceso e circulación por zonas forestais en función do risco de incendio, etc.

 

O Plan procura a loita preventiva e a defensa contra os incendios co obxectivo de protexer o patrimonio forestal e ambiental de Compostela.

Máis información

Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do Concello de Santiago de Compostela. Descargar (pdf, 8.806 Kb).

 

 
© Concello de Santiago. Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel. Aviso Legal